Exposición SOCHEO DOS MARES DA GUARDA

Proxecto Socheo

O Proxecto Socheo é unha iniciativa colectiva que xurde hai varios anos na Guarda co obxectivo de aminorar o esquecemento que produce o paso do tempo. Para iso dixitalízanse gravacións audivisuais -devolvéndose os orixinais aos seus/súas propietarios/as- e súbense a internet, poñendo en común este patrimonio cultural.

Dende o seu comezo no 2012, Proxecto Socheo leva posto en valor máis de 350 películas, con máis de 175.000 visionados e sumando numerosos recoñecementos a nivel internacional.

Nesta exposición afondamos nas videobitácoras, imaxes en movemento gravadas por membros dunha tripulación dentro dun barco ao longo dunha maré. A máis antiga que está dipoñible dende Proxecto Socheo é a do Canero (1981-82) rexistrada en formato Super8, e desde esa data ata o presente podemos facer comparativas de como foi evoluíndo a pesca na flota guardesa, con barcos espallados por todo o mundo.

Mediante estas videobitácoras Proxecto Socheo contribúe a dar visibilidade á vida das tripulacións de barcos da Guarda, poñendo en valor os esforzos de tantas e tantas xentes do mar e partillando un pouquiño desa vida a bordo da que a cotío escoitamos falar pero que dificilmente chegamos a comprender como é.

Páxina web de Proxecto Socheo www.proxectosocheo.com